Dende o seu recuncho en
Coruxo, o cole busca potenciar uns lazos fortes entre toda a comunidade educativa
que lle permitiu ir medrando dende as súas 6 unidades iniciais en 1967 ata os
máis de cincocentos alumnos e alumnas na actualidade. Un centro que consta de
tres edificios nun terreo duns nove mil metros cadrados entre patios e pistas
deportivas.
A procedencia dos nosos alumnos é moi variada: Nigrán,
Panxón, S. Andrés, Navia, Fragoselo, Chandebrito, Saiáns, Ramallosa, Baiona,
Gondomar, Vigo e Coruxo. Polo tanto, os alumnos proceden dun medio rural máis
ou menos disperso que, nos últimos anos, vai sendo máis urbano.
O centro presta os seus servizos a todo tipo de familias.
Abarca todos os niveis, económicos,
culturais e sociais, cunha maioría de familias que falan castelán aínda que
moitas delas son bilingües.
***
Nos seus xa máis de cincuenta anos de existencia o Divino Salvador sempre creu que a excelencia reside principalmente nun gran equipo docente, o crear un contexto de aprendizaxe adaptado á sociedade e, por suposto, unha educación personalizada. Precisamente, esta última, o trato familiar, foi a súa marca de identidade ao longo de todo o camiño percorrido. O cole ten un carácter aberto e social, sen discriminación de ningún tipo, á libre elección dos pais, á vez que se ofrece como servizo a Coruxo e municipios próximos para o seu desenrolo social e cultural.
Os obxectivos da nosa labor educativa fundaméntanse
principalmente nos seguintes principios ideolóxicos:
Ante todo, a nosa inquedanza é formar persoas, a través
dunha educación en valores, como a liberdade, a responsabilidade, o sacrificio
e o compromiso social.
Pretendemos para os nosos alumnos un desenvolvemento harmónico
das súas condicións físicas, morais e intelectuais.
Entendemos que, para conseguir o desenrolo pleno do neno,
para poder transmitir coñecementos é imprescindible a disciplina, garantía de
aprendizaxe. Educar en disciplina é educar no respecto a si mesmo e aos demais.
Entendemos tamén a educación en disciplina como a capacidade de esforzo e
superación dos alumnos para conseguir as metas que se propoñan.
Os nosos alumnos deben participar duns valores
democráticos de tolerancia, xustiza, solidariedade e participación crítica
dentro dunha sociedade plural e en continuo cambio que esixe un constante
esforzo de adaptación. Estes valores son especialmente traballados a través da
atención á diversidade.
No momento actual, cando os retos educativos que
afrontamos esixen estar á altura dunha sociedade cambiante, a innovación é para
moitos a mera introdución de novas tecnoloxías na aula. Para o Divino Salvador
isto non debe ser unha meta en si mesma, senón parte dunha estratexia máis
ampla baseada nun cambio de metodoloxías.
O Divino Salvador trata, en definitiva, de deixar atrás a
escola tradicional invitando ao neno a pensar, a experimentar, a descubrir por
si mesmo, levando a cabo proxectos orixinais e creativos que tratan de desenvolver
as súas habilidades e destrezas. Neste senso, os obxectivos do centro son
claros. Seguir esforzándose para mellorar a educación día a día.