Nas últimas décadas moito se ten falado da introdución das denominadas TIC no eido educativo. O acceso ás novas tecnoloxías na escola haberían de marcar un antes e un despois no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Agora, empeza xa a incorporarse o termo TAC, Tecnoloxías da Aprendizaxe e do Coñecemento. Como apunta Sancho (2008 p.20) esta modificación é moito máis que o simple cambio dunha vogal. Mediante as TAC as novas tecnoloxías convértense nun recurso para a aprendizaxe, un axente de innovación educativa e uns instrumento de inclusión dixital.
A chegada de internet ás nosas vidas supuxo un grande avance no tratamento
da información e en vernizar cun carácter didáctico e lúdico a adquisición de
certos coñecementos. Ao mesmo tempo, serviu para relegar tecnoloxías menos
recentes pero que ben poderían aproveitarse dentro das aulas con obxectivos ben
definidos. Unha destas tecnoloxías é a radio.
Tempo pasou dende aquel 14 de novembro de 1924 en que, ás seis e media da
tarde, a voz de María Sabater inauguraba a radio no noso país dende a súa
primeira emisora, Radio Barcelona EAJ 1. Cen anos contemplan, polo tanto, a
labor social que este medio trouxo e que aínda hoxe pode supor unha excelente
ferramenta educativa (Adell e Castañeda, 2012, p.14), e neste tempo sempre
soubo adaptarse evitando ser fagocitada por outros medios como a televisión. E
dada a facilidade que a súa introdución na escola pode ser, é unha mágoa que
esta non se abrira a todas as vantaxes que o medio ofrecía.
O século XXI, tal e como indica Carbonell (2001, p.1-2), non pode volver a
vista atrás cara unha escola ancorada no pasado que se limitaba a ler,
escribir, contar e recibir pacificamente un baño de cultura xeral […] Hai que,
pensar na escola do presente futuro e non do presente pasado. As novas
tecnoloxías abren un camiño innovador que a educación non pode esquivar. Agora
ben, nesta época de adicións ás pantallas cómpre facer unha reflexión sobre que
tipo de tecnoloxía é a máis axeitada á hora de axudarnos a ensinar. Michel Desmurguet (1965, Lyon) Doutor en neurociencia e
director de investigación do Instituto Nacional da Saúde de Francia, alerta das
consecuencias que o abuso de internet ten nos nosos fillos e fillas. Tal e como
indica, “Nos países occidentais os nenos menores de dous anos pasan diariamente
case tres horas diante dunha pantalla, entre os oito e os 12 anos están case
cinco horas ao día, dos 13 aos 18 anos o seu consumo roza as sete horas
diarias... Se sumamos todo o tempo que un rapaz pasa entre os dous e os 18 anos
diante dunha pantalla equivale a 30 anos escolares…” Tal vez poderíamos pensar
que os centros educativos deberían buscar alternativas ás pantallas, que por
moito software educativo que propoñan non deixan de ser unha prolongación do
que os nenos e nenas atopan nos seus fogares. Un recente informe da Comisión
Europea destaca que un dos principais obstáculos para a dixitalización dos
colexios é a "escasa competencia dixital dos estudantes". E un amplo
estudo da Universidade de Stanford conclúe que a capacidade por parte dos
membros da xeración dixital de extraer información dispoñible en internet é
terriblemente baixa. Os datos amosan que o uso das pantallas ten un enorme
efecto negativo na intelixencia e o desenvolvemento dos rapaces.
E é aquí onde a radio pode postularse como unha alternativa máis sensata.
Segundo o seu contexto histórico pódese observar como a mediados dos 80,
moitos colexios introduciron o formato para un rango que abarcase a
comunicación na súa localidade, había diversidade de contidos e normalmente as
emisións realizábanse en horario de extraescolares. Foron poucos os que a
incluíron no seu centro, nalgúns casos pola dificultade do manexo, outros por
problemas do investimento inicial e noutros directamente porque o profesorado
non confiaba nin cría nos resultados da súa aplicación.
Coa chegada de internet xurdiron opcións máis sinxelas e baratas de facer
radio. A radio comeza a xogar coa rede a través de webcastings e do nacemento
dos podcast. Isto posibilita tender unha ponte entre a escola e a radio que
debe ser aproveitada como a alternativa que citabamos antes. Tal e como indica
Jiménez (2011, p. 299) “é unha posibilidade para que a sociedade máis próxima
ao centro se implique na educación dos seus individuos”. É dicir, para xerar lazos
entre a comunidade educativa que sexan de proveito no proceso de aprendizaxe
dos cativos. O principal obxectivo será, sen dúbida, mellorar a práctica
educativa docente e a evolución pedagóxica nos procesos de ensino, mais ao
mesmo tempo, de forma tanxencial, as pontes que se establezan entre os
diferentes estamentos da comunidade reflectirán nun beneficio na educación dos
nosos fillos e fillas.
A sociedade avanza e con ela o volume da información que todos nós manexamos no día a día. Resulta
imprescindible que, desde a escola, se lle aporten aos rapaces ferramentas que
podan usar para abordar estes datos de forma axeitada. Neste caso, a radio
permite contribuír a un mellor tratamento da información e á construción de
persoas con xuízo crítico para poder participar de forma activa na sociedade na
que viven.
Radio Badúa nace coa pretensión de ser un espazo de socialización e
aprendizaxe onde todo estea ao servizo da comunicación, a participación e a
interdisciplinariedade. Os contidos, a imaxinación, as habilidades… terán unha
fiestra neste medio de expresión que debe adquirir, ademais, un carácter
integrador. Todas as áreas do currículo, especialmente as linguas, vertebrarán
este proxecto onde enlazar espírito crítico e creatividade coa misión de formar
bos cidadáns do futuro.
Radio Badúa nace coa ambición dos proxectos que se deseñan con paixón e así
mesmo coa humildade dos primeiros pasos. O noso desexo é que nos vindeiros anos
remate sendo unha dos eixos vertebradores do centro e un elemento de innovación
que alimente os nosos desexos de mellorar cada día a educación que impartimos.
Benvidos a esta radio.
Benvidos a Radio Badúa.